Neste proxecto dende A Xanela do Maxín empregamos as artes escénicas a través do teatro de monicreques e figuras animadas para desenvolver na cidade de Santiago de Compostela e arredores unha serie de actividades cheas de valores, tales como o coidado e a recuperación da cultura tradicional, o respecto polo medio ambiente, a igualdade de xénero e as intervencións contra o acoso escolar.
Levaremos a cabo 26 intervencións en centros socioculturais, colexios e residencias de maiores, tanto no ámbito rural como nos barrios composteláns. As actividades propostas inclúen:
Supercoroza, na eira e na lareira: Actividades dirixidas a persoas maiores de 65 anos que se centran na recuperación e valorización da memoria tradicional e cultural.
Postfuncións sobre memoria musical: Sesións tamén orientadas a maiores de 65 anos, enfocadas na memoria musical e na importancia da música nas súas vidas e na cultura tradicional.
Pasando a bóla, xogando para cambiar: Intervencións destinadas a nenos de 9 a 12 anos, con actividades que promoven a reflexión e a acción contra o acoso escolar, empregando o xogo como ferramenta principal.
Crea o teu animal: Actividade dirixida a nenos de 5 a 9 anos, onde os participantes crean un obxecto intermediario, fomentando a creatividade e a imaxinación, ao mesmo tempo que se traballan valores ambientais.
A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza: Actividade destinada a nenos de 2 a 9 anos, utilizando unha historia divertida e educativa para traballar valores como o respecto e a igualdade.
Este proxecto busca xerar un impacto positivo nas comunidades mediante o uso das artes escénicas como ferramenta educativa e de cambio social, abarcando diferentes idades e colectivos para promover unha sociedade máis xusta e consciente.
Organizado por A Xanela do Maxín, financiado polo Concello de Santiago e coa colaboración da Rede de Centros Socioculturais, da AVV a Xunlla, Ribeirart e Iulius XIII.
